Noia Harp Fest e a AEDA presentan o son dos instrumentos medievais de San Martiño ao vivo

O arpista Manuel Vilas e Entrebescant farán soar o 1 de agosto as réplicas do pórtico da igrexa, reconstruídas polo luthier Luis Martínez por encarga do festival e o Concello de Noia no ano 2018.
A xornada de concertos gratuítos coorganizada coa Asociación Española de Arpistas pecharáse cun concerto da arpista valenciá Neleta Ortiz, quen reestreará unha obra do italiano Enrico Mainardi interpretada so unha vez hai décadas.

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia (Noia Harp Fest) consolida a súa aposta pola visibilización do talento arpístico a través de múltiples estilos da man da Asociación Española de Arpistas (AEDA). Un ano máis, ambas as dúas entidades revalidan o seu compromiso de programar a intérpretes sobranceiras de arpa para que teñan presenza no único evento cultural do noroeste peninsular dedicado exclusivamente a este instrumento. Nesta edición de 2026, o NHF e a AEDA manteñen a súa estreita colaboración para ofrecer dous directos o sábado 1 de agosto que contarán
con algunhas das figuras máis representativas da escena clásica, culta e antiga.
A primeira cita do día terá lugar ás 12:30 horas na Igrexa de San Francisco. O prestixioso arpista Manuel Vilas, recoñecido internacionalmente pola súa especialización en arpas históricas e a recuperación do patrimonio musical ibérico, actuará xunto ao grupo de música antiga Entrebescant, unha formación que destaca pola súa interpretación rigorosa de repertorios medievais.
O aspecto máis excepcional desta actuación será o uso dos instrumentos da Arquivolta da Igrexa de San Martiño, que forman parte da identidade cultural da vila. Estas pezas son
copias fidedignas reconstruídas polo Noia Harp Fest e o Concello de Noia no ano 2018, baseándose na iconografía orixinal do pórtico. O proxecto permite escoitar de novo o son
real das figuras pétreas da igrexa grazas a un minucioso traballo de luthería e investigación histórica. Entrebescant e Vilas fusionan así a técnica interpretativa de vangarda coa sonoridade auténtica dos instrumentos do século XV, convertendo o patrimonio arquitectónico en música viva nun marco único.

NELETA ORTIZ, coa colaboración especial de Thomas Piel.

O Claustro de San Francisco acollerá o concerto da arpista Neleta Ortiz, unha das figuras máis activas na investigación de novos repertorios e na divulgación musical de prestixio. Coa súa proposta, que integra a arpa clásica cunha estética coidada, Ortiz presentará en Noia unha obra para arpa e violonchelo prácticaménte inédita do compositor italiano Enrico Mainardi, froito dunha fonda investigación sobre o seu legado. Esta interpretación, que destaca pola súa relevancia académica, contará coa colaboración do recoñecido cellista Thomas Piel nunha proposta que recupera material
histórico para o instrumento. O concerto, organizado de forma conxunta polo Noia Harp Fest e a AEDA, conta cunha consolidada infraestrutura loxística que garante a sonorización axeitada para un espazo tan singular como o claustro.


Ambos os dous concertos serán de acceso libre ata completar a capacidade dos espazos, convertendo esta xornada de colaboración nunha oportunidade única para achegar ao
público propostas de alto nivel interpretativo e rigor académico.


O anuncio das incorporacións de Manuel Vilas, Entrebescant e Neleta Ortiz amplía deste xeito o cartel da 13ª edición do Noia Harp Fest, que este ano presenta unha programación
liderada polas arpistas internacionais Maeve Gilchrist, Siobhán Armstrong e Sona Jobarteh.

Traducir páxina »
RSS
Follow by Email
Twitter
YouTube
YouTube
Set Youtube Channel ID
Instagram