O coruñés Teo Montero Rey gaña, coa obra ‘Alén do azul’, o Premio Portus Apostoli de Composición
O xurado salienta “a escritura orquestral moi sólida e orgánica, con texturas interesantes e contrastes instrumentais”
A creación estrearase da man da Real Filharmonía de Galicia durante a nova edición do Noia Harp Fest, que decorrerá do 29 de xullo ao 1 de agosto
A IV edición do Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, convocado polo Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, xa ten obra gañadora. O xurado outorgou a distinción á creación Alén do azul, do compositor coruñés Teo Montero Rey. O galardón, que conleva unha achega económica de 4.000 euros, suporá tamén a estrea absoluta da obra durante a celebración da 13ª edición do Noia Harp Fest, que decorrerá do 29 de xullo ao 1 de agosto, da man da Real Filharmonía de Galicia O Premio Portus Apostoli é un certame innovador, posto en marcha no ano 2021 polo Noia Harp Fest -o único festival do noroeste peninsular dedicado ao instrumento-, que pretende ampliar o repertorio existente para de obras para arpa e orquestra. Nesta cuarta edición, convocada o pasado mes de maio, o concurso recibiu un total de nove propostas, todas elas chegadas de cinco países europeos e de Estados Unidos. O tribunal, conformado polo compositor Fernando Buide -que exerceu de presidente do xurado-, o director de orquestra Fernando Briones, a arpista da OSG Céline Landelle e a arpista Alba Barreiro -como secretaria sen voto-, decidiu declarar gañadora a obra de Montero Rey “pola súa escritura orquestral, moi sólida e orgánica, con texturas interesantes e contrastes instrumentais”. “A parte de arpa é moi variada e utiliza técnicamente moi ben o instrumento. Estruturalmente conta cunha boa narrativa musical, unha cadencia de arpa e un clímax orquestral constrúen un arco dramático fi nal moi coherente”, apunta o xurado do Portus Apostoli. Teo Montero Rey (A Coruña, 2005) é compositor e pianista que estudou no CMUS de Culleredo e no Conservatorio Superior de Música ‘Eduardo Martínez Toner’ do Principado de Asturias. Na súa traxectoria, suma diversos recoñecementos, como o Primeiro Premio
do I Concurso Intercentros-Melómano de Composición Fundación SGAE, o IV Concurso Internacional de Composición Coral ‘Xogos Tonais’, o III Concurso de Composición Coral EVG e do 7º Concurso de Composición del CONSMUPA.