SonDeSeu +Laoise Kelly e Mary Macmaster

SonDeSeu Orquestra Folk de Galicia é unha exclusiva e multitudinaria maneira de interpretar, en clave contemporánea, a música galega de tradición oral. Distribuidos en 9 seccións, máis de 40 músicos sonorizan os ritmos ancestrais do noroeste peninsular, cruzando harmonías e liñas melódicas para crear un timbre único no cal as arpas acompañan ás gaitas, os violíns contrapuntean ás zanfonas, os buzuquis empurran ás voces e as requintas contradín aos contrabaixos, sempre baixo a perenne presenza das percusións, grandes ou pequenas. Con tales armas, o desempeño escénico de SonDeSeu redunda en cada ocasión nunha sonoridade ao mesmo tempo densa e lixeira, contundente pero sutil, delicada pero enérxica. A natureza acumulativa desta formación, tan impactante a primeira vista, explícase pola súa orixe nas aulas da ETRAD de Vigo, onde o director e mestre de Arpa Céltica Rodrigo Romaní seleccionou un equipo docente integrado por músicos cunha sólida traxectoria na música folk e tradicional. Hoxendía Sondeseu transita firme baixo a guía de Xaquín Xesteira, Beatriz Martínez, Xosé Liz, Alfonso Franco, Begoña Riobó e Anxo Pintos. Vinte anos despois o que comezou como un experimento didáctico conta no seu currículo con actuacións nos escenarios máis salientables da música folk (Lorient, Ortigueira, Glasgow, Cork, Aosta) e concertos en teatros e auditorios de Barcelona, Ibiza, Madrid, Setúbal ou Helsinki. Para a tempada de 2023 SonDeSeu mantén a esencia do seu repertorio, con fondas raíces na tradición, ao tempo que incorpora media ducia de temas novos cos cales teima en ensanchar a súas posibilidades sonoras. Pezas de autor, que, sen abandonar a lingua e os ritmos galegos, procuran o emprego da orquestra como instrumento de novas sonoridades, coa non disimulada intención de traspasar os propios límites, de ir máis alá, sempre máis alá do xa interpretado, do xa acadado, do xa experimentado, e chegar ao alén, ao lugar nunca pensado anteriormente.

SonDeSeu estreará en Noia dúas obras creadas especialmente para este concerto: A Suite Micelio, de Anxo Pintos, para arpa e orquestra folk, actuando como solista Begoña Riobó, e a Suite Escumas Atlánticas, de Rodrigo Romaní, na que estarán como solistas Laoise Kelly, Mary Macmaster e Beatriz Martínez.